Vistas de página en total

viernes, 6 de mayo de 2011

A nova escultura de Lito Portela: entre a ironía e a distorsión

Carlos López Bernárdez é Licenciado en Historia da Arte, exercendo na actualidade de profesor de Lingua e Literatura Galegas. Ten numerosos títulos publicados dedicados ás vangardas galegas, así como varias edicións críticas e traducións de libros. Hai seis anos NigraTegra publicou a súa "Breve historia da arte galega" en edición biolingue galego-español. Ademáis, é vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega e membro do Consello de Redacción das revistas "Ensaio", "Revista de teatro de Galicia e norte de Portugal", e "Contemporánea", a revista da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
A escultura de Lito Portela. Entre a ironía e a distorsión.
 O irónico do título da mostra, Sálvese quen poida, axústase  moi ben á visión que o artista quere proxectar, entre a visión irónica do mundo da arte e a existencia e a caducidade da vida –e tamén da arte-. Alén diso, esta actual obra do artista permite novas lecturas, nas que o escultórico se insire en estrategias artísticas contemporáneas nas que moitos creadores empregan a ambigüidade, a distorsión de tamaño, a ironía ou a espectacularización do obxecto como alicerces do discurso estético. Aspectos que se poden percibir a perfección na mostra de Lito Portela, en especial os dous primeiros, distorsión e ironía, que xogan un papel singular no proceso de concreción destas pezas.
 Mais non quero deixar a imaxe dunha obra na que prime o conceptual, porque, na miña opinión, a principal virtude destas obras está na súa esencia plástica, son pezas que non pretenden reflectir obxectos xa existentes, senón que, sen dúbida, pertencen a unha realidade-outra, paralela ao mundo real, que se cargan dunha indubidábel aura poética e que acaban por constituírense en signos vitais.
 Porque toda a obra de Lito Portela ten un referente orgánico, mesmo cando tende a formas geométricas, que evidentemente ten que ver cunha profunda identificación coa natureza, como se o artista quixese captar dela a súa pulsión, non a sua visión mais epidérmica. De aí esa intensa potencia física que deitan as súas esculturas, que remiten as pulsións profundas e ao mundo telúrico sen deixaren de falar do noso mundo e dos problemas que afectan á arte como sistema de comunicación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario