Vistas de página en total

martes, 10 de mayo de 2011

Sentimentos sen edulcorar

Ó anoitecer do pasado sábado pre-estreouse no Centro Social do Mar de Bueu a nova curtametraxe, gravada entre os condellos da Coruña e Ferrol, do artista Manuel Macou (Bueu, 1977).
Antes da proxección de "Aurora", Manuel subiu ao escenario máis que a presentar esta obra a agradecer "ó público en xeral, ós amigos e familiares" a súa presenza, e aos que axudaron en facer realidade esta curta, "grazas a que alguén inventou o sistema polo cal nestas rodaxes ninguén cobra; e nos non imos contradecilo". Tralas risas cómplices dos asistentes, antes de dar paso a "Aurora", o director destacou o fito de contar cunha música orixinal "o que non é moi habitual" -na que participou a súa irmá poñendo voz ao precioso temá final-.
Aurora, iniciado no 2008, é o seu proxecto máis persoal ate o de agora. Partindo das experiencias vividas na nenéz coa súa bisavóa, tece unha comedia dramática na que narra con amor e sinxeleza, unha mañá na convivencia de dous mundos en principio alleos, en principio dados a volta, pero non, dun fillo e a súa nai. Toda unha beleza de historia na que destaca, entre outras cousas, o uso realista que fan as personaxes do bilinguismo, e a interpretación da actriz Mª Ángeles Prieto.


O director
En novembro do 1998 Manuel Macou fundou a asociación Teatro Scaenae. Un ano despóis estreou a obra teatral "Cuarteto para unha noite de verao", de Miguel Anxo Fernán-Vello.
A súa primeira curta "Exitus", estreada primeiro no 99 e re-montada 2007, é un triller psicolóxico interpretado por Fer Patiño, Sara Varela e Evencio Álvarez, "sobre un morto que se atopa a si mesmo. Tralo Sexto Sentido este é un tema moi manido, pero cando a escribín tiña un aquel". Pouco tempo despóis, mentres estuda na Escola de Imaxe e Son de A Coruña, Manuel realiza a súa segunda curtametraxe "Sublimación (todo o que sube baixa -e viceversa-)" con Luis Zahera, "un desbarre criminal que agora estou a retocar".
No 2003 estrea o seu terceiro traballo para Teatro Scaenae, "Nai que non fuches", un drama con acenos poéticos que contou coas actuacións de Luis Iglesia e Sara Varela. "Tiña ganas de contar o que pasa pola cabeza dunha persoa en segundos, entre que está incorporado e se deita".
Ata que logo de catro anos principiou a rodaxe de "Cafés de papel" unha obra de trasfondo social coa que participou no certame "Curtas na rede", gañando os premios á mellor curtametraxe de inmigración e á mellor actriz, para Maguette Niang, Manuel Macou adicouse a traballar como montador para cine e televisión. Participou como editor en: A casa de 1907, A caixa negra, Fútbol de alterne, Gran cambio, …
Na actualidade, parello ao seu traballo de montador está a preparar unha longa documental sobre o seu avó.

No hay comentarios:

Publicar un comentario